Monday 06 de May de 2024

A terceira edición de As sete Rosalías supuxo o sorteo de 50 agasallos entre o alumnado da primaria da Pobra


O xogo-concurso As sete Rosalías sorteou un total de 50 agasallos entre a rapazada acertante dos CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. A edil da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, desprazouse ata estes centros educativos para face-la entrega da recompensa consistente en cadansúa botella térmica serigrafada.

A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal centrou nas crianzas gran parte da programación para conmemora-lo Día de Rosalía de Castro, no 23 de febreiro. Para a primaria, apostou novamente por esta actividade por causa da boa acollida nas convocatorias previas.

Repetiuse o formato de anteriores anos: os escaparates dunha trintena de establecementos do municipio expuxeron siluetas recortadas coa forma de Galicia que contiñan no seu interior o rostro da intelectual galega acompañado de versos seus. O desafío residía en busca-las 7 versións diferentes da imaxe para anota-la diferenza e en que local se situaba. Unha vez superado o reto, debían entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos colexios xa mencionados.